Friday 17 de May de 2024

A Xunta incrementou o ano pasado na cidade da Coruña nun 23,75 por cento o número de horas do servizo de axuda no fogar para a atención das persoas en situación de dependencia


O delegado territorial da Xunta na Coruña visitou o centro de día de Monte Alto, onde repasou as liñas de actuación da Consellería de Política Social na cidade

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o centro de día de Monte Alto, onde tivo a oportunidade de compartir uns momentos tanto cos usuarios como co persoal que traballa nas súas instalacións. Ovidio Rodeiro destacou o esforzo que, a través da Consellería de Política Social, a Xunta de Galicia está facendo por reforzar o servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia, e que no caso da Coruña alcanzou en 2016 as 26.056 horas fronte ás 21.056 do ano 2015. Grazas a este incremento de 5.000 horas, o 23,75 por cento, a Xunta responde ao o 100% da demanda deste servizo.

No conxunto da provincia da Coruña ofrecéronse 208.299 horas de axuda no fogar grazas a un incremento do 25,05 por cento con respecto a 2015, o que supón un aumento de 41.725 horas. En Galicia, a Xunta incrementou nun millón de horas o servizo para persoas en situación de dependencia, alcanzando o obxectivo da lista de espera cero. Trátase dunha medida da que se beneficiaron 220 concellos. A Consellería de Política Social mantén o compromiso de continuar incrementando a atención aos dependentes tras chegar en decembro de 2016 aos 49.101 dependentes atendidos, cando en 2009 eran 14.000. A día de hoxe hai máis de 5.700 dependentes que reciben distintos servizos de teleasistencia e servizos de promoción, vinte veces máis que en 2009.

Ademais, máis de 14.000 persoas teñen unha praza pública en residencias, centros de día e centros de día especializados, case o triplo que hai sete anos, e máis de 18.000 dependentes están atendidos a través do sistema de libranzas, un 70% máis. Hai case 16.600 persoas que reciben un servizo de axuda no fogar, un 400% máis de persoas que reciben servizo de axuda no fogar que en 2009.

O catálogo de servizos da consellería inclúe a teleasistencia e xeolocalización, a axuda no fogar, o servizo de atención diúrna, o servizo de atención nocturna, e o servizo de atención residencial, que pode ter carácter permanente cando o centro sexa a residencia habitual da persoa ou temporal cando se atendan estadías temporais, vacacións, fins de semana, enfermidades ou períodos de respiro familiar dos coidadores non profesionais. Política Social completa as súas prestacións con achegas económicas denominadas libranzas para coidados no entorno familiar, libranza de asistente persoal e libranza para a adquisición dun servizo.

Ovidio Rodeiro dirixiuse especificamente aos traballadores, a quen animou a “seguir transmitindo ás persoas maiores o agarimo e o apoio da sociedade”. “Sodes os encargados de que estas persoas, que dedicaron a súa vida a procurar un futuro mellor para todos, teñan agora o descanso e o calor humano que se merecen”, sinalou. Por último, o delegado territorial lembrou o compromiso do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que ven de anunciar a construción dunha nova residencia da terceira idade na cidade da Coruña.